Lugo Sala decide no tramo final un duelo moi igualado ante Os Meigallos (4-8)

O Lugo Sala viaxaba ata Sarria para disputar a segunda fase da Copa Galicia ante o recentemente ascendido a 3ª División, Os Meigallos. O conxunto da capital lucense chegaba como favorito a este encontro, pero aínda así o equipo local púxolle as cousas complicadas a primeira media hora. Finalmente, os pupilos de Christian Costoya lograron dar un golpe sobre a mesa para irse no marcador, e pechar así o encontro co resultado final de 4-8, que lles dá o pase á seguinte rolda.

Daba comezo o encontro nun pavillón no que se respiraban as ganas de desfrutar dunha nova xornada entre dous grandes equipos. Os primeiros minutos estiveron marcados pola intensidade, ata que Saúl, ex xogador do Lugo Sala, adiantaba aos seus cun gran disparo ao escuadro. A resposta lucense sería inmediata, con Yago Tenreiro igualando o marcador e Mitxel poñendo por diante aos visitantes. No ecuador da primeira metade, Os Meigallos volvería poñer as táboas nuns primeiros minutos de moita tensión e igualdade.

O Lugo Sala non tardaría en resuperar a vantaxe, esta vez por medio de Sanfiz, que atopaba o camiño do gol sen demasiada oposición. A falta de dous minutos para o descanso, Álvaro Cerviño, outro ex xogador lucense, sorprendía dende a súa propia portería cun lanzamento que acabaría no fondo da portería rival. Deste xeito, o encontro marcharía en táboas ao descanso, con todo por decidirse na segunda metade.

Tras o paso por vestiarios, a dinámica do encontro cambiou por completo. O Lugo Sala saíu decidido a demostrar a súa valía, aínda que durante os primeiros cinco minutos Os Meigallos mantiveron a compostura e resistiron as acometidas visitantes. A partir do minuto 25, os lucenses daban o primeiro golpe sobre a mesa, con Javi poñendo de novo por diante ao seu equipo. Co paso dos minutos, o conxunto sarrián perdía intensidade e non era capaz de frear o xogo do Lugo Sala. No minuto 32, Javi volvía aparecer para ampliar a vantaxe e colocar o 3-5 no electrónico.

A tensión ía en aumento, pero os pupilos de Christian Costoya sentíanse cada vez máis cómodos sobre a pista, mentres aos locais non lles saían as cousas. O Lugo Sala aproveitaba o seu momento e, en apenas uns minutos, Yago Tenreiro, Brunito e Miguel Muñoz poñían o 3-8 no marcador. Deste xeito, os lucenses acadaban a súa máxima vantaxe e encamiñaban definitivamente un encontro que fora de menos a máis. Cando todo parecía visto para sentenza, Gonzalo aparecía para anotar o cuarto tanto dos locais. Aínda así, o resultado final sería 4-8 que lle daba a vitoria o Lugo Sala e polo tando o pase a seguinte rolda da Copa Galicia.

O Lugo Sala xa se prepara para o encontro deste sábado no Municipal de Lugo fronte ao Noia FS, con motivo da presentación da plantilla que defenderá o primeiro equipo na tempada 26/27.

 

Resultados Copa Galicia

 

 

FICHA TÉCNICA

Os Meigallos 4: Álvaro Cerviño, Saúl González, Fabián, Alonso e Jony – tamén xogaron – Borja, Bryan, Saúl Fernández, Brais, Gonzalo, Javi, Borja Chousa e Abella.

Lugo Sala 8: Koke, Javo, Mitxel, Yago Tenreiro e Miguel Muñoz – tamén xogaron – Yerai, Pedro, Pablito, Brunito, Sanfiz, Dorado e Javi F.

Goles: 1-0 Saúl González (2′), 1-1 Yago T. (2′), 1-2 Mitxel (3′), 2-2 Saúl Fernández (10′) 2-3 Sanfiz (10′), 3-3 Álvaro Cerviño (18′), 3-4 Javi (25′), 3-5 Javi (32′), 3-6 Yago T. (35′), 3-7 Brunito (36′), 3-8 Miguel Muñoz (38′), 4-8 Gonzalo (39′).

Árbitros: Adrián Figueroa Veiga, Tania María Penabad Canel e Goar Rodríguez Rodil.

Incidencia: Jornada 2 da Copa Galicia.