O xuvenil nacional logra a permanencia na última xornada tras vencer ao Inter Sala Adarsa Mercedes (4-1)
O xuvenil nacional recibía en casa ao Inter Sala Adarsa Mercedes na última xornada da competición. Un encontro de vital importancia para os de Cristian Costoya, xa que buscaban a permanencia na competición, e enfrontábanse ao segundo clasificado.
O encontro arrancou cunha igualdade máxima entre dous equipos que chegaban coa necesidade de sumar puntos, aínda que por obxectivos ben diferentes. Nos primeiros compases do partido, o xogo estivo moi equilibrado, cun Lugo Sala serio, concentrado e plenamente consciente da importancia de conseguir a vitoria. A primeira gran ocasión foi para o Inter Sala Adarsa Mercedes, que estivo preto de inaugurar o marcador nun bo man a man, pero o gardameta lucense respondeu con seguridade para evitar o tanto visitante. Esa foi a oportunidade máis clara do conxunto rival nun inicio de encontro marcado pola intensidade e o respecto mutuo. O marcador non se movería ata o minuto 12, cando Javi conseguiu adiantar ao Lugo Sala co 1-0. O gol deu confianza aos locais, que apenas unha xogada despois ampliaron a vantaxe grazas a Diego, encargado de transformar o 2-0.
A pesar de contar cun resultado favorable, o equipo lucense atravesou por momentos de certa incomodidade, intentando facer máis cousas das previstas no plan de partido. O Inter Sala deu un paso adiante para tratar de recurtar distancias e aumentar a presión sobre os locais, pero sen éxito. Cando todo apuntaba a que o descanso chegaría co 2-0 no marcador, unha acción illada permitiu ao Lugo Sala ampliar aínda máis a súa renda. Yago pelexou un balón ata o final e provocou unha xogada desafortunada para o rival, xa que o porteiro visitante, ao intentar despexar, acabou introducindo a pelota na súa propia portería. Así, os lucenses marchaban aos vestiarios cun claro 3-0 e cunha vantaxe moi importante para afrontar a segunda metade.
Tras o paso polos vestiarios, o guión do partido cambiou por completo. Ao Lugo Sala tocoulle asumir un papel máis defensivo durante practicamente toda a segunda metade. O conxunto visitante regresou á pista cunha marcha máis e protagonizou uns minutos de gran nivel, buscando reducir diferenzas e meterse de cheo no encontro. Porén, os pupilos de Cristian Costoya amosáronse moi sólidos e disciplinados en tarefas defensivas, freando con éxito as acometidas rivais e evitando que o partido se lles puidese complicar.
O equipo lucense estaba a realizar un gran traballo, pero unha acción desafortunada ante o porteiro-xogador permitiu ao rival anotar o 3-1. Nese momento, Cristian Costoya solicitou un tempo morto para transmitir calma aos seus xogadores e evitar que perdesen o control do encontro. A reacción foi excelente, xa que o Lugo Sala soubo sobrepoñerse á situación grazas a unha defensa moi seria e comprometida. Finalmente, a falta de apenas 30 segundos para o remate, os locais sentenciaron o partido co 4-1 definitivo. Un resultado que certificaba unha importante vitoria e permitía ao Lugo Sala sumar tres puntos de ouro para asegurar a permanencia.
Resultados Xuvenil Divisón de Honra




