Taisei Akiyama, novo xogador do Lugo Sala

O acordo que en meses pasados o noso club firmou coa empresa xaponesa Reycrear, fundada en 2021 por Kohei Nagata, xa comeza a ter os seus froitos posto que o xogador nipón Taisei Akiyama é dende o día de hoxe novo xogador do Lugo Sala, cumprindo así un dos obxectivos plantexados no convenio de colaboración como era o de poder traer a España a xogadores xaponeses con proxección de chegar á elite.

Taisei, que se desenvolve na posición de pívot e cumprirá 20 anos no vindeiro mes de novembro (30-11-04 – Xapón), contará de inicio con licenza no equipo filial do noso club, o Automóviles M. Losada Lugo Sala B que milita no grupo 1 da  Preferente Futgal, aínda que tamén realizará adestramentos na dinámica do primeiro equipo e a súa evolución podería permitir a Guillermo Martínez contar con el no futuro. O xogador procede do Fugador Sumida Buffalos da F. League de Xapón que é a competición de clubes mais importante do continente asiático.

De esta maneira Lugo Sala segue a medrar como entidade, xa que o proxecto tanto co primeiro equipo como coa base segue dando pasiños de cara a continuar expandindo a marca Lugo Sala non so en España senón tamén internacionalmente.