O Lugo Sala brilla no Municipal ante SD Unión África Ceutí (3-2)
O Lugo Sala impúxose por 3 goles a 2 á Unión África Ceutí, situado nese momento terceiro clasificado da Segunda División, nun partido onde os de Guillermo Martínez impuxeron o seu dominio e conseguiron unha merecida vitoria ante a súa afección no Municipal, sumando o seu segundo triunfo consecutivo na categoría e o primeiro en casa esta tempada. O conxunto ceutí chegaba con boas sensacións tras as vitorias ante Melistar FS e O Parrulo Ferrol, así como un empate contra Sala 5 Martorell.
O encontro comezou de maneira inmellorable para os locais cun gol temperán de Brunito no primeiro minuto, o que lles permitiu despregar o seu xogo e xerar varias ocasións de perigo ao longo da primeira metade. Cunha defensa sólida, o Lugo Sala foise ao descanso cunha vantaxe mínima, destacándose pola súa seriedade táctica e solidez defensiva, sen ceder espazos ao rival.
Na segunda parte, os lucenses mantiveron a intensidade. Iago Rodríguez ampliou a vantaxe no minuto 28, poñendo o 2-0 no marcador. Aínda que Santaella logrou acurtar distancias para os visitantes no minuto 33, Miguel Muñoz respondeu rapidamente e anotou o 3-1, o que desatou a alegría do pavillón. Finalmente, no minuto 39, Nacho Torres puxo o 3-2 definitivo no marcador para os visitantes.
Con esta vitoria, o Lugo Sala reafirma o seu bo momento e xa se prepara para o seu próximo compromiso na xornada 8 de Segunda División, onde visitará ao Sala 5 Martorell en Barcelona co obxectivo de seguir sumando puntos e consolidando a súa racha positiva.
Resultados da Xornada de Segunda División
FICHA TÉCNICA:
ADC Lugo Sala 3: Yerai, Brunito, Iván Gemes, Álex Diz e Diego Núñez – cinco inicial – Álvaro, Iago Rodríguez, Saúl, Miguel Muñoz, Jose López, Mitxel e Porto.
SD Unión África Ceutí 2: Germán, Nacho Torres, Anaya, Benslama e Helder – cinco inicial – Hula, Mariano, Santaella, Augusto, Mauro e Lintula.
Goles: 1-0 Brunito min.1, 2-0 Iago Rodríguez min.28, 2-1 Santaella min. 33, 3-1 Miguel Muñoz min.34 e 3-2 Nacho Torres min. 39.
Árbitros: Rubén Velasco, Jesús Montero, María Penabad e María López
Incidencias: Séptima xornada da Segunda División de Fútbol Sala Masculina – Palacio Municipal dos Deportes de Lugo