Adriá Blat, un novo reforzo para o equipo e que xa debutou ante o Levante

O primeiro equipo de Lugo Sala segue reforzando o seu persoal neste mercado invernal e a finais desta pasada semana o club chegou a un acordo co ala-cierre zurdo Adriá Blat Vidal (19/10/2002 – Andorra). O xogador, que provén do Piensos Durán Albense do grupo I da 2ª B, incorporouse á expedición lucense e xa puido debutar o pasado sábado no choque ante o Levante, onde tamén debutou o outro fichaxe dos lucenses como foi o pívot Dani Pineda.

Adriá é un xogador de equipo, xoven debido aos seus 22 anos, e que destaca pola súa rapidez e chegada a portería contraria. O andorrano, formado no Sant Juliá CE, pasou na tempada 21/22 polo Lleida Esportiu e na 22/23 xogou no Futsal Lleida da 3ª división. Tras esta media tempada no Albense, a dirección deportiva do club valorou como positiva esta posibilidade de reforzar ao equipo o cal se viu minguado durante a primeira volta da competición polas lesións de Willy May, Yago Tenreiro e Luis Longo.

 

Ambos os xogadores poderán debutar en Lugo ante a afección lucense este xoves na eliminatoria de semifinais XXXIII Copa Galicia ante o Noia Portus Apostoli (21:30 horas).

Esta vindeira fin de semana non haberá competición ligueira debido ao parón pola disputa da Supercopa de España polo que o seguinte compromiso para os nosos será o venres 24 de xaneiro (21:30 horas) na 16ª xornada de liga ante o Zambú CFS Pinatar e que abrirá a segunda volta ligueira.