Lugo Sala suma un punto traballado en Zaragoza (2-2)

Miguel Muñoz e Adri Blat marcaron os goles do conxunto lucense nun partido moi competido ante Entrerríos Zaragoza. 

Lugo Sala logrou un valioso empate (2-2) na súa visita a Entrerríos Zaragoza, no partido correspondente á xornada 25 da Segunda División de Fútbol sala. Nun choque moi físico e igualado, o equipo galego adiantouse en dúas ocasións, pero os locais lograron empatar en ambas, deixando unha repartición de puntos xusto nun encontro de alta tensión.

O conxunto lucense mostrouse sólido desde o inicio, cunha boa presión e saídas rápidas. Froito dese traballo chegou o 0-1 no minuto 19, obra de Miguel Muñoz, que finalizou con precisión un golazo para manter a vantaxe dos lucenses ao descanso. 

Xa na segunda parte, o ritmo intensificouse e os locais igualaron pronto. No minuto 21, Marcos aproveitou unha acción embarullada na área para asinar o 1-1. O gol non afectou ao equipo dirixido por Guillermo Martínez, que mantivo o seu plan de xogo e volveu poñerse por diante.

No minuto 29, Adri Blat asinou o 1-2 tras unha boa xogada colectiva, culminando cun disparo certeiro que volveu poñer por diante aos galegos. Lugo Sala soubo manexar esa vantaxe durante boa parte do segundo tempo, pero Entrerríos, empuxado pola súa afección, atopou o empate no tramo final. Foi no minuto 37 cando Shunta logrou o 2-2 tras unha acción individual por banda.

Con este empate, Lugo Sala suma un punto importante fora de casa nunha pista complicada, mostrando carácter e competitividade. O equipo mantense firme na pelexa polos seus obxectivos e xa pensa no próximo compromiso ligueiro no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo para seguir na loita pola permanencia.

 

Resultados da Xornada de Segunda División

Ficha do partido:

Entrerríos Zaragoza 2: Molina, Marcos Forga, Juan Muinesa, Shunta e Pol Novo – cinco inicial – Fernando Fort, Alex Armingol, Jorge Tabuena, Enrique Liao, Alejandro Campos, Oscar, Iñaki Barea, Jorge Gayarre e Iván Romero. 

Lugo Sala 2: Raúl Sánchez, Miguel Muñoz, Diego Núñez, Álex Diz e Adri Blat – cinco inicial – Yerai, Álvaro, Iván Gemes, Saúl González, Luis Longo, Brunito, Yago Tenreiro, Dani Pineda e Porto. 

Goles: Miguel Muñoz 0-1 min.19, Marcos Forga 1-1 min. 21, Adri Blat 1-2 min.29 e Shunta 2-2 min.37.

Árbitros: Joel Garcia Ribera, Bernardo Simon Benet, , Izan Torner Conejos e Iris Yuste Cubells.

Incidencias: Xornada 25 da Segunda Dvisión Masculina de Fútbol sala, desputada no Pavillón de La Granja.