O Lugo Sala deixa escapar a vitoria tras dominar a primeira parte ante O Esteo (6-6)

O Lugo Sala viaxaba ata As Pontes para enfrontarse a outro dos equipos que loitan por meterse nos playoff, como O Esteo. Un encontro no que os lucenses buscaban sumar os tres puntos para seguir consolidándose na segunda posición, pero o conxunto local non llo puxo nada doado e conseguiu sacarlles o empate.

Arrincaba o encontro cunha loita de alto nivel, e cos dous equipos metidos no partido. Alta intensidade, que deixaba oportunidades para ambos os equipos. Pero non foi ata o minuto 6 cando Yago Tenreiro aparecía para abrir o marcador, e colocar así por diante aos seus. O Esteo non tardaría en reaccionar e cunha diferenza dun minuto entre ambos goles (8′ e 9′), conseguían darlle a volta ao marcador e colocar así o 2-1 tras uns erros defensivos do Lugo Sala. O partido seguía o seu transcurso, e no minuto 11, Jose Segura poñía de novo o partido en táboas. A partir de aquí os pupilos de Fermín Hidalgo deron un golpe sobre a mesa, e lograron escaparse un pouco no marcador. Primeiro cun gol de Brunito no minuto 18, que marcaba na súa casa para colocar o 2-3. Despois aparecería Pablito para sentenciar a primeira metade do encontro a falta duns segundos, que facía que chegasen ao descanso cun resultado de 2-4, e con moi boas sensacións tras os últimos minutos, para enfrontar a segunda metade.

Tras o paso por vestiarios a dinámica foi totalmente distinta. O Lugo Sala saíu durmido e aproveitouno O Esteo nos dous primeiros minutos da segunda metade para devolver o marcador a táboas. A partir de aquí o encontro volveuse moi igualado, o Lugo Sala lograba poñerse por diante cun gol de novo de Yago Tenreiro no minuto 24, que lle daba esperanzas ao conxunto lucense de sumar os tres puntos. Pero a alegría ía durar moi pouco de novo, e é que no minuto 29, O Esteo volvía a empatar o encontro, na súa loita de conseguir sumar un punto. Un minuto máis tarde aparecía Pansi por parte do conxunto lucense, para volver adiantar ao seu equipo no marcador. Pero este non sería o resultado final do encontro, xa que no minuto 34, o conxunto local volvía colocar o electrónico en táboas co 6-6 co que se pecharía o partido. Unha segunda metade moito máis igualada, na que o Lugo Sala perdía os tres puntos a pesar de realizar unha boa primeira parte, chegando ao descanso coa vantaxe do 2-4.

A pesar deste empate, o Lugo Sala mantén a segunda posición polo momento. E seguirá traballando na loita, para seguir nos postos de arriba. Agora tocaralles pensar xa no próximo encontro no Municipal de Lugo fronte ao Xove, no que non poden deixar escapar os tres puntos.

Resultados Segunda División B

 

FICHA TÉCNICA:

O Esteo FS 6: Alejandro, Pablo, Adrián, Alejandro Montero, Adrián Martínez – tamén xogaron – Jacobo, Diego, Álvaro, Gael, Mateo, Adrián Rodríguez, Rubén.

Lugo Sala 6: Aarón, Jose, Brunito, Pansi, Isi – tamén xogaron – Yerai, Javi, Pablito, Yago Tenreiro, Miguel Muñoz, Rubén S., Mitxel.

Goles: 0-1 Yago T. (6′), 1-1 Adrián Martínez (8′), 2-1 Álvaro (9′), 2-2 Jose (11′), 2-3 Brunito (18′), 2-4 Pablito (20′), 3-4 Adrián Martínez (22′), 4-4 Adrián (22′), 4-5 Yago Tenreiro (24′), 5-5 Adrián (29′), 5-6 Pansi (30′), 6-6 Alejandro (34′).

Árbitros: Paula Álvarez Nogueiro, David Rodríguez Martín, Berta García Vázquez.

Incidencia: Xornada 26 da Segunda División B.