O Lugo Sala perde a súa continuidade nos playoffs de ascenso tras a derrota ante Otxartabe (2-4)
O Municipal de Lugo recibía un encontro moi importante. A volta dos playoffs de ascenso a Segunda División, entre o Lugo Sala e o Otxartabe. Dous equipos que chegaban para decidir esa primeira eliminatoria, despois do empate da ida. Os pupilos de Fermín sabían que non sería un partido sinxelo, e que tiñan diante a un rival forte que non llo ía a poñer sinxelo. E así foi, o conxunto visitante aproveitou os erros lucenses, e conseguiu quitarlles a eliminatoria cun resultado final de 2-4.
O encontro arrancou cun ambiente de gala, empuxando dende a bancada a un Lugo Sala que se xogaba boa parte das súas opcións de ascenso. Comezou cun ritmo alto, con dous equipos intensos, aínda que foron os lucenses os que se atoparon mellor nos compases iniciais. Co paso dos minutos, os pupilos de Fermín Hidalgo fóronse asentando sobre a pista, atopando maior fluidez no seu xogo e xerando as primeiras ocasións de perigo. Así chegaría o premio no minuto 9, cando Isi colocaba por diante aos locais. Os nervios notábanse na pista, e o Otxartabe esperaba erros locais para aproveitalos e convertelos en gol. Así foi, no minuto 17, tras un descoido defensivo, o conxunto visitante colocaba de novo o marcador en táboas. Os dous equipos loitaban polo seu pase á seguinte eliminatoria, pero tería que decidirse na segunda metade, xa que o 1-1 sería o resultado co que chegarían ao descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o encontro mantivo a máxima igualdade e tensión, con ambos equipos buscando ese gol que desnivelase a eliminatoria. O Lugo Sala dispuxo de varias ocasións claras para adiantarse, pero a falta de acerto penalizou aos lucenses. Foi o Otxartabe quen aproveitou o seu mellor momento para poñer o 1-2 no minuto 31, un golpe que obrigaba aos de Fermín Hidalgo a reaccionar.
E fixérono tirando de orgullo. Apenas catro minutos despois, o eterno capitán Miguel Muñoz devolvía a igualdade ao marcador cun tanto que, nese intre, daba o pase ao Lugo Sala pola súa mellor clasificación ligueira. Pero, cando os locais buscaban pechar a eliminatoria, un desafortunado gol en propia porta de Rubén puxo de novo por diante ao conxunto visitante. Na procura desesperada do empate, os lucenses apostaron polo porteiro-xogador, pero unha perda permitiu ao Otxartabe sentenciar desde a súa propia pista co definitivo 2-4.
Con esta derrota, o Lugo Sala remata a tempada cun sabor agridoce. O conxunto lucense pecha un curso notable, no que deixou mostras do seu crecemento e competitividade. A súa participación na Copa do Rei, a presenza nas semifinais da Copa Galicia e a clasificación para os playoffs de ascenso. Máis aló deste desenlace, o equipo que dirixe Fermín Hidalgo pode mirar ao futuro con optimismo. Cun cadro novo, ambicioso e con enorme marxe de crecemento, o Lugo Sala conseguiu ilusionar e facer vibrar ao Municipal en cada partido.

Resultados dos playoffs a Segunda División
FICHA TÉCNICA
Lugo Sala 2: Yerai, Pablito, Jose, Miguel Muñoz e Isi – tamén xogaron – Guti, Aarón, Javi, Brunito, Yago T., Rubén S., Mitxel, Pansi e Pedro.
Otxartabe 4: Miguel, Pau, David, Christian, Cristian – tamén xogaron – Igor, Pablo, Mauricio, Iván, Aritz, Yassine, Eric e Mohamed.
Goles: 1-0 Isi (9′), 1-1 Christian (17′), 1-2 Iván (31′), 2-2 Miguel Muñoz (35′), 2-3 Rubén (P.p) (36′), 2-4 Iván (39′).
Árbitros: Ignacio Cabezas Casquero, José Enrique Pascual Cabillas e Andrea De Luis.
Incidencia: 1ª Eliminatoria Playoffs de ascenso a Segunda División




