O Lugo Sala álzase coa vitoria fronte ao Noia B no partido de presentación (3-1)
O Municipal acollía o primeiro encontro do Lugo Sala, unha cita especial na que o conxunto lucense aproveitaba para presentar ante a súa afección o cadro de xogadores e o corpo técnico do primeiro equipo, que defenderá o escudo ao longo desta tempada. O duelo enfrontaba aos locais co Noia B, nunha primeira metade moi igualada, pero que, tras o paso por vestiarios,deu un xiro. Os pupilos de Christian Costoya lograron dominar o encontro e pechar así a primeira vitoria na casa por 3-1.
Arrincaba o encontro entre dous equipos que empezan a tomar contacto antes de que dea comezo a liga regular, onde se verán as caras de novo. Os primeiros minutos transcorreron con igualdade entre ambos os conxuntos, nos que se podía apreciar a competitividade e as ganas de levarse a vitoria, a pesar de non ser un partido oficial.
Tras transcorrer os dous primeiros minutos do encontro, chegaba a primeira ocasión clara do Lugo Sala, pero Brunito non logrou converter en gol. O Noia B viu o perigo que podía ocasionar o conxunto lucense e deu un paso á fronte, o que lle permitiu anotar o primeiro tanto do partido e abrir así o marcador.
Uns minutos máis tarde, tras unha boa xogada de Pablito e un erro do porteiro rival, o marcador volvía poñerse en táboas co 1-1.
Despois destes dous goles, a primeira metade estivo moi igualada. Ningún dos dous conxuntos logrou levar as rendas do encontro, polo que se chegaría ao descanso co 1-1 no marcador e todo por decidir na segunda metade.
Tras o paso por vestiarios, o encontro deu un xiro. O Lugo Sala logrou dar un paso á fronte e facerse co control da segunda metade, complicándolle as cousas a un Noia B que non se sentía igual de cómodo que nos primeiros 20 minutos do partido.
A pesar de que os pupilos de Christian Costoya estaban a xerar máis, non lograron anotar o segundo tanto ata o minuto 33. O gol chegaba tras unha boa elaboración do equipo, na que finalmente Sanfiz asistía a Miguel Muñoz, quen sería o encargado de poñer a vantaxe no electrónico.
A partir de aquí, o conxunto visitante empezou a poñerse nervioso, e chegaría así a expulsión dun xogador rival tras cometer unha falta sobre Pablito.
Para sentenciar o encontro co resultado de 3-1 apareceu Luis Longo, quen anotaba o seu primeiro tanto desde a súa recente chegada a súa segunda etapa ao club. Ademais, protagonizou unha celebración especial ao seu compañeiro e amigo Brunito, que tiña que abandonar o campo tras unha posible escordadura no seu nocello dereito.
Finalmente, pechábase así o encontro de presentación do Lugo Sala, no que o equipo deixou boas sensacións de cara ao comezo da liga.


