O Lugo Sala suma a súa segunda derrota na liga ante o Tierno Galván no Municipal
O Municipal de Lugo acolleu o pasado sábado o primeiro encontro ligueiro do Lugo Sala como local. O conxunto lucense recibía ao Tierno Galván na segunda xornada da Segunda División B, nun encontro que rematou coa vitoria do cadro pucelano por 2-3. Tras unha primeira metade igualada, o Lugo Sala non foi quen de dar un paso á fronte na segunda parte para inclinar o partido ao seu favor. Os pupilos de Christian Costoya tentárono ata o final, pero o marcador xa non se movería e os tres puntos viaxaron cara a Valladolid.
Comezaba o encontro no Municipal cun Lugo Sala moi metido no encontro, mostrando desde o primeiro minuto unha gran intensidade e buscando levar o peso do partido. O conxunto lucense atopou pronto o premio ao seu bo inicio. Tras unha rápida transición, Yago Tenreiro puxo un bo centro á área e Mitxel apareceu para tocar o balón e envialo ao fondo da rede, colocando o 1-0 no marcador.
Co paso dos minutos, o Lugo Sala atravesou un tramo no que as cousas non terminaban de saírlle como quería. O Tierno Galván aproveitou ese momento para gañar presenza sobre a pista e, superado o ecuador da primeira metade, conseguiu igualar o encontro, colocando o 1-1.
Nos minutos finais da primeira metade, ambos os conxuntos buscaban volver adiantarse no electrónico. O Tierno Galván tivo a oportunidade para facelo desde o dobre penalti, pero Yerai apareceu para deter o lanzamento e manter o empate.
Finalmente, a pesar dalgunha ocasión máis para ambos os equipos, este sería o resultado ao descanso, con todo por decidirse na segunda metade.
Tras o paso por vestiarios o encontro converteuse en intensidade e nerviosismo por sumar os tres puntos. Co paso dos minutos e ao ver que non chegaban os goles isto foi en aumento.
A pesar das numerosas aproximacións a portería rival, o marcador non se movería ata os minutos finais da segunda metade. O Lugo Sala non era capaz de dar un golpe sobre a mesa e adiantarse no marcador, o que lles estaba frustrando tras a derrota da semana pasada, e a necesidade de sumar en positivo para atoparse mellor en liga.
Nos minutos finais apareceu o Tenro Galván para poñerse por diante no marcador, establecendo así o 1-2. Pero os pupilos de Christian Costoya reaccionaron rápido, e Miguel Muñoz, sería o encargado de poñer de volta o electrónico en táboas.
A alegría duroulles pouco, xa que na seguinte xogada, o conxunto visitante volvía adiantarse para colocar o 2-3 definitivo. O Lugo Sala intento buscar o empate nos últimos instantes, pero finalmente a vitoria marcharíase para Valladolid.
Deste xeito, o Lugo Sala continúa sen coñecer a vitoria neste inicio de tempada e suma a súa segunda derrota consecutiva na competición.
Resultados da Segunda División B
FICHA TÉCNICA
Lugo Sala 2: Koke, Mitxel, Yago Tenreiro, Miguel Muñoz, Longo – tamén xogaron – Yerai, Javi, Pablito, Sanfiz, Pansi, Javi Fernández, Pedro, Mera.
Tierno Galván 3: Ignacio, Mario, Iker, Armand, Antonio- tamén xogaron – Edu, David, Álvaro, Javi, Jorge, Alejandro, Andrés.
Goles: 1-0 Mitxel (1′), 1-1 Iker (11′), 1-2 Álvaro (38′), 2-2 Miguel Muñoz (38′), 2-3 Armand (38′)
Árbitros: Jonathan Manjón Rodero, Alejandro Fernández Álvarez e Cristian Rodríguez Rendal.
Incidencia: 2ª Xornada da Segunda División B


