Isi convértese no primeiro reforzo do novo Lugo Sala
Aos poucos o primeiro equipo da tempada 25/26 vai collendo forma unha vez que se foron coñecendo as primeiras baixas e renovacións con respecto ao persoal que finalizou o curso deportivo fai menos dun mes. Desde a área deportiva do club comézanse a pechar as primeiras fichaxes para dar forma ao equipo e neste sentido chega o primeiro dos reforzo tras o acordo alcanzado co pívot Isidro Rodríguez Montesdeoca, ´Isi´, xogador de 22 anos e que procede do Atlético Benavente.
O xogador nado en Gran Canaria o 25/05/2003 formouse no Gáldar FS, onde militou entre os anos 2018 e 2023, para logo defender a camiseta do Atlético Benavente durante as dúas últimas campañas, loitando nesta recentemente finalizada polo ascenso a segunda división, equipo o castelán-leonés co que foi unha peza importante.
O novo pívot dos lucenses destaca pola súa loita e xogo de costas, ofrecendo diferentes posibilidades de formas de xogo ao equipo, así como o seu olfacto goleador como demostran os 25 goles que sumou co Atlético Benavente esta pasada campaña.
Lugo Sala 2025/2026:
- Baixas: Álex Diz, Álvaro e Guillermo Martínez.
- Renovacións: Yerai, Yago Tenreiro, Mitxel, Pablito e Willy May.
- Altas: Isi (Atlético Benavente).