Lugo Sala agárrase a Segunda cun triunfo de carácter (4-2)

O Lugo Sala asinou unha das súas mellores actuacións da tempada ao impoñerse por 4-2 ao Levante UD FS na xornada 24 da categoría de prata. O conxunto de Guillermo Martínez , consciente do que había en xogo, saíu á pista con máxima intensidade e levou tres puntos de ouro que reforzan a loita pola permanencia dun equipo que nunca baixa os brazos. 

O partido comezou cun arranque inmellorable para os locais. Apenas transcorrera un minuto cando o capitán Miguel Muñoz adiantou ao Lugo Sala, desatando a euforia na bancada do Municipal. Con todo, o Levante non tardou en reaccionar, e no minuto 9, Pedro Toro restableceu a igualdade no marcador cun gol que poñía emoción ao encontro.

Lonxe de vir abaixo, o Lugo Sala sacou a relucir a súa mellor versión nos seguintes minutos. Yago Tenreiro devolveu a vantaxe aos lucenses no 13’, e só un minuto despois, Dani Pineda ampliou a diferenza co 3-1. O vendaval local non cesou aí, e no 15’, Adri Blat facía o cuarto gol, deixando moi tocado ao conxunto visitante antes do descanso.

Na segunda metade, o Lugo Sala soubo administrar a súa renda con intelixencia a pesar do gran xogo de cinco dos visitantes, pechando espazos e dificultando calquera intento de remontada do Levante. Aínda así, os granotas non se renderon e lograron recortar distancias no 31’ por medio dun gol en propia meta de Saúl, pero o esforzo non foi suficiente para evitar a derrota.

Con esta vitoria, o Lugo Sala suma tres puntos cruciais na súa loita pola permanencia e manda unha mensaxe clara de que non baixará os brazos nas últimas xornadas do campionato. O equipo lucense afrontará con renovada confianza os seus próximos compromisos, consciente de que cada partido será unha final no seu obxectivo de seguir con esta gran dinámica do equipo. 

 

Resultados da Xornada de Segunda División

 

Ficha do partido:

Lugo Sala: Raúl Sánchez, Miguel Muñoz, Diego Núñez, Álex Diz e Adri Blat – cinco inicial – Álvaro, Yerai, Iván Gemes, Saúl, Longo, Brunito, Yago Tenreiro, Dani Pineda e Porto. 

Levante UD FS: Nacho Serra, Pablo Garcia, Pablo Rochina, Ignacio Benages e Pedro Toro – cinco inicial – Jose Iglesias, Nacho Parreño, Pedro Navajas, Omar Molines, Daniel Llopis e Alberto Parreño. 

Goles: Miguel Muñoz 1-0 min.1, Pedro Toro min.9 1-1, Yago Tenreiro min.13 2-1, Dani Pineda min.14 3-1, Adri Blat min.15 4-1 e Saúl (propia meta) min.31 4-2.

Árbitros: Garcia Carpintero Lopez, Ricardo, García Schmid, Gael, Rodriguez Pontanilla, Miguel Jesús e López López, María.

Incidencias: Xornada 24 da Segunda Dvisión Masculina de Fútbol sala, disputada no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo.