Lugo Sala chega a Xapón da man de Reycrear para continuar co crecemento do fútbol sala
O noso club segue dando pasos para o seu desenvolvemento e crecemento continuo e un dos obxectivos claros é o de expandir a súa marca e metodoloxía de traballo e así aos poucos aumentar o seu valor como club. Unha das ideas que se tiña en mente era o de chegar a outros países e agora grazas á unión coa empresa Reycrear, creada no 2021 e dirixida por Kohei Nagata, poderá desembarcar en Xapón para así manter vías de colaboración.
A esta empresa xaponesa tamén pertence o xogador Kaoru Morioka, toda unha institución como xogador en Xapón e que pertenceu a un dos grandes clubs do futsal asiático, o Nagoya Oceans, ademais de ser xogador na selección xaponesa. Actualmente xoga no Pescadola Machida e tamén tivo pasado en España tras xogar no O Parrulo Ferrol.
Reycrear ten como obxectivo transmitir os valores e coñecementos do fútbol sala de España a Xapón para así continuar co crecemento do noso deporte no país nipón. Desta maneira a través do club FC Reys Footbal Academy, do cal é adestrador o técnico español Joel Mirad, traballan para que xogadores, preparadores e equipos poidan acudir a España e Brasil, ademais doutros países, para disputar torneos e transferir xogadores ás súas ligas.
Convenio de colaboración
Desde este momento que a ADC Lugo Salga firma este convenio de colaboración xunto a Reycrear, estreitaranse lazos de unión para traballar conxuntamente e así unir o fútbol sala xaponés e español a través das entidades. Durante as últimas semanas vén traballando man a man para poder levar a bo porto este punto de partida e que así técnicos de Lugo Sala poidan manter xornadas de traballo xunto a técnicos xaponeses, tanto a distancia como que nun futuro poidan acudir a Lugo, axudar na formación de xogadores xaponeses con tamén a posibilidade de xogar en España nos próximos meses, e en definitiva buscar vías de crecemento en favor do desenvolvemento de club, técnicos e xogadores. Ademais, está a traballarse tamén para que no futuro o FC Reys Footbal Academy poida acudir a disputar o Torneo de Nadal organizado por Lugo Sala.
Desde a Xunta Directiva da ADC Lugo Sala agradecemos a Kohei Nagata, Kaoru Morioka e Joel Mirad a súa aposta por elixir o noso club para poder traballar conxuntamente nos obxectivos propostos e que sen dúbida farán crecer á nosa entidade.