Lugo Sala saca un punto loitando ata o final ante o Zambú Pinatar (4-4)

O ADC Lugo Sala logrou un meritorio empate (4-4) en casa ante Zambú CFS Pinatar, nun emocionante encontro no que os lucenses remontaron ata en dúas ocasións, conseguindo o gol definitivo a falta de tan só vinte segundos para o final.

O partido comezou cun temperán gol de Saura para os visitantes, quen aproveitou un rápido contraataque ao primeiro minuto de xogo para inaugurar o marcador. Pese ao golpe inicial, os locais non baixaron os brazos e buscaron a reacción. Con todo, as intervencións do porteiro visitante Sanabria e a sólida defensa rival frustraron os intentos iniciais do Lugo Sala. Zambú ampliou a súa vantaxe no ecuador da primeira metade cun tanto de Quique Hernando tras unha asistencia de Berto, colocando o 0-2 no marcador.

Lonxe de renderse, o Lugo Sala seguiu loitando, e o seu esforzo deu froitos a cinco minutos do descanso. Un roubo de balón permitiu a Dani Pineda bater ao gardameta rival e reducir distancias (1-2). Treinta segundos despois, unha man de Pedrolas baixo paus custoulle a expulsión directa a Zambú e un penalti favorable aos lucenses. Iago Rodríguez non fallou desde os seis metros, asinando o empate (2-2) antes do descanso.

A segunda parte mantivo a intensidade, con ocasións para ambos os equipos e un ritmo frenético. Os gardametas volveron ser protagonistas, evitando que o marcador se movese durante gran parte do segundo tempo. A falta de seis minutos, os colexiados herran sinalando un penalti que xerou gran controversia, xa que a acción sancionada correspondía a unha man claramente fora do área. Esta decisión arbitral, crucial para o desenvolvemento do encontro, permitiu a Saura transformar a pena máxima e colocar o 2-3 no marcador, inclinando momentaneamente a balanza a favor do conxunto visitante.

Pouco despois, Iago Rodríguez viu a segunda amarela, deixando aos lucenses en inferioridade numérica. Aínda que os lucenses aguantaron cun xogador menos, Quique Hernando ampliou a vantaxe visitante (2-4) pouco despois de recuperar a igualdade.

Con todo en contra, o ADC Lugo Sala demostrou o seu espírito combativo. Apostando polo porteiro-xogador, Álex Diz converteu un penalti que achegaba aos locais no marcador (3-4) a falta de pouco máis de dous minutos. Finalmente, cando restaban só vinte segundos para o pitido final, Adri Blat apareceu para selar o empate definitivo (4-4) e desatar a euforia no Municipal de Lugo.

O conxunto dirixido por Guillermo Martínez inicia unha nova semana de preparación coa mirada posta no seu próximo compromiso ligueiro. Na xornada 17 da Segunda División, o ADC Lugo Sala viaxará a Ibiza para medirse ao UD Ibiza Gasifred Ciutat D’Eivissa FS, un rival directo na loita pola permanencia. Ambos os equipos chegan empatados a 15 puntos, ocupando os ibicencos a décimo terceira posición, que marca o límite entre a salvación e o descenso na categoría de prata.

Un punto traballado e merecido para o Lugo Sala, que nunca deixou de crer na súa capacidade para remontar e recompensou á súa afección cunha actuación heroica. 

 

Resultados da xornada de Segunda División. 

 

FICHA TÉCNICA: 

ADC Lugo Sala 4: Yerai, Iago Rodríguez, Miguel, Álex Diz e Dani Pineda – cinco inicial – Álvaro, Iván Gemes Saúl, Brunito, Diego Núñez, Yago Tenreiro, Adri Blat e Dani Pineda. 

Zambú CFS Pinatar 4: Sanabria, Nano, Juanpi, Saura, e Germán – cinco inicial – Mario Gómez, Pedrolas, Quique Hernando, Alex Moniño, Cobarro, Juanfran, Berto e Jose Carlos. 

Goles: 0-1 Saura min.1, 0-2 Quique Hernando min.11, 1-2 Dani Pineda min.15, 2-2 Iago Rodríguez min.16, 2-3 Saura min.35, 2-4 Quique Hernando min.38, 3-4 Álex Diz min.38 e Adri Blat min.39. 

Árbitros: Xabier Huarte, Gael García, Adrián Figueroa e María López.

Incidencias: Decimosexta xornada da Segunda División de Fútbol Sala masculina- Palacio Municipal dos Deportes de Lugo.