O Lugo Sala golea ao Deportivo Laviana F.S nun encontro que foi de menos a máis (8-2)
O Municipal de Lugo recibía o encontro entre o Lugo Sala e o Laviana F.S para disputarse unha nova xornada da Segunda B. A priori un partido sinxelo para o conxunto que dirixe Fermín Hidalgo, xa que o equipo que chegaba á capital lucense facíao en penúltima posición.
Comezaba o partido con dous equipos que non conseguían atoparse cómodos na pista. Un Lugo Sala ao que lle estaba costando xerar perigo, pero que aos poucos foi mellorando a súa intensidade. No minuto 13 o Laviana F.S lograba abrir o marcador, para poñer o 0-1 inicial.
O encontro non empezaba da maneira que esperaba o conxunto lucense, pero no minuto 16 Isi poñía o empate no marcador, para seguidamente na seguinte xogada, poñer ao Lugo Sala por diante co 2-1. Pero este non ía ser o resultado final ao descanso. A falta de dous minutos para dar por finalizada a primeira parte, o conxunto visitante aproveitou un erro defensivo local, para poñer o 2-2 e deixar así un partido aberto para a segunda parte.
Tras o paso por vestuarios a dinámica foi moi distinta. O Lugo Sala empezou a dominar o encontro, e aos dous minutos, Miguel Muñoz colocaba o 3-2 no marcador. Co paso dos minutos, os pupilos de Fermín Hidalgo fóronse crecendo máis, e no minuto 32, outra vez Miguel Muñoz, colocaba o 4-2 para darlle unha pequena vantaxe ao conxunto local.
A partir de aquí, o partido converteuse nunha festa. O Lugo Sala estaba a divertirse na pista, mentres que o Laviana F.S non era capaz de frear a un equipo que estaba nos mellores minutos do encontro. Chegaban así os dous goles de Torero, tras dúas paradas na proposta do conxunto visitante de optar por xogar de 5, que colocaba o 6-2 no marcador. Máis tarde uniríanse a esta festa Willy May para poñer o 7-2 e Jose Segura para pechar o partido co 8-2 final.
Así, o Lugo Sala volve a sumar os tres puntos para seguir subindo postos na táboa e meterse así nos playoffs.

Resultados da Segunda División B
Lugo Sala 8: Torero, Willy May, Brunito, Yago T., Rubén S. – tamén xogaron – Aaron, Javi, Josep Segura, Pablito, Miguel Muñoz, Mitxel e Isi.
Deportivo Laviana F.S 2: Miguel García, Ramón, Iñigo, Pelayo, Manel – tamén xogaron – Saúl, Sergio, Javier, Diego, Pelayo Álvarez, Jose Manuel e Eloy.
Goles: O-1 Ramón (13’), 1-1 Isi (16’), 2-1 Isi (16’), 2-2 Iñigo (19’), 3-2 Miguel Muñoz (22’), 4-2 (Miguel Muñoz (32’), 5-2 Torero (33’), 6-2 Torero (34’), 7-2 Willy May (36’), 8-2 Jose Segura (38’).
Árbitros: Andrés Pinilla Boullosa, Daniel Dacal Deza e Carla Barciela Ruade.
Incidencias: Xornada 13 da Segunda División B.



