O Lugo Sala pecha a primeira volta cunha vitoria importante frente ao Noia F.S. (3-2)

O Municipal de Lugo vivía esta mañá o último encontro do ano, e ademais, pechaba así a primeira volta da Segunda División B. Enfrontamento entre dous equipos que chegaban empatados a puntos nas zonas altas da táboa, Lugo Sala e Noia Portus Apostoli «B».Por sorte, a vitoria quedaba en terras lucenses para terminar o ano sumando de tres.

Comezaba o encontro con dous equipos que sabían o importante de conseguir esta nova vitoria. Uns primeiros minutos nos que ningún dos conxuntos lograban facer ben as cousas. Co paso dos mesmos, o Lugo Sala daba un paso á fronte para manexar os tempos do partido e así, conseguían abrir o marcador e colocar o 1-0 cun gran tiro de Brunito.

Unha primeira parte na que o Lugo Sala non conseguía manter o mesmo ritmo, polo que no minuto 12 Fermín Hidalgo víase obrigado a parar o encontro para colocar aos seus xogadores. O adestrador andaluz non estaba contento co xogo dos seus pupilos sobre todo en defensa. Estes malos minutos do conxunto lucense foron aproveitados polo Noia F.S, que conseguían colocar o 1-1 no marcador. Poucos minutos despois, aparecía Miguel Muñoz, que tirando de experiencia lograba poñer por diante novamente no marcador ao Lugo Sala. Última posesión antes de chegar ao descanso para o Noia F. S na que sacan unha falta, coa que puideron poñer o 2-2 no marcador tras un dobre penalti, pero apareceu Torero na súa mellor versión para paralo e deixar esa pequena vantaxe de 2-1 ao descanso.

Tras o paso por vestiarios o encontro converteuse nun corre rúas, parecía que ningún quería manter a pelota. Co paso dos minutos o Lugo Sala estaba mellor, mandando sobre a pista e os nervios empezaron a aparecer por parte do Noia F.S. No minuto 27 volvía aparecer Brunito para colocar o 3-1 e seguir abrindo distancias no marcador.

Pasando o ecuador da segunda metade os ritmos empezáronse a equilibrar, e o Noia F.S. apertaba para volver meterse no encontro. O Lugo Sala tivo varias oportunidades para seguir marcando distancias pero que non lograron converter, pero o conxunto visitante tamén as tivo e non soubo aproveitalas. Un final de partido mellor do Noia F.S que tras unha mala defensa lucense conseguía poñer o 3-2 a falta de dous minutos para o final.

Finalmente, o Lugo Sala lograba a vitoria por 3-2 e pechar así a primeira volta e o ano con boas sensacións, para arrincar o novo ano da mellor maneira posible.

 

Resultados Segunda División B

 

FICHA TÉCNICA

Lugo Sala 3: Torero, Pablito, Yago T., Pansi, Isi – tamén xogaron – Aaron, Javi, Brunito, Miguel Muñoz, Rubén S., Mitxel, Pedro.

Noia F.S. 2: Raúl Mosquera, Teo, Mateo Vázquez, Hugo, Nicolás – tamén xogaron – Jorge Bueno, Mateo Varela, Oliver, Brais, Iago López, Marcos, Jorge González.

Goles: 1-0 Brunito (6′), 1-1 Nicolás Cuello (15′), 2-1 Miguel Muñoz (17′), 3-1 Brunito (27′), 3-2 Oliver Chenel (38′).

Árbitros: Iria de Luis, Sergio López Riveiros, Eva López Seijas.

Incidencias: Xornada 15 da Segunda División B.