O Lugo Sala reencóntrase coa vitoria tras dúas xornadas ante o Deportivo Guardo FS (5-3)

O Municipal de Lugo recibía un encontro vital para un Lugo Sala que non chegaba no seu mellor momento. Tras iniciar o ano cun empate e unha derrota, os pupilos de Fermín Hidalgo necesitaban de novo reencontrarse coa vitoria para seguir loitando polos postos de playoffs. Sabían que non sería un partido fácil, e así foi. O Lugo Sala loitou ata o asubío final para facerse con esta ansiada vitoria por 5-3 ante o Deportivo Guardo FS.

O partido empezou con dous equipos que querían facerse coa vitoria, para seguir loitando polos seus obxectivos. Un fallo de saída de balón de Aarón nos primeiros segundos do encontro, foi aproveitado polo Deportivo Guardo FS para abrir o marcador co 0-1. A alegría duroulles pouco, xa que na seguinte xogada apareceu Isi para volver poñer o resultado en táboas. Este sería o xogador clave para o Lugo Sala, xa que no minuto 4, foi de novo o encargado de poñer ao conxunto lucense por diante no marcador (2-1).

Novamente co paso dos minutos, o conxunto visitante volvía empatar o encontro. Sen dúbida unha primeira parte moi igualada, onde ningún dos dous equipos era capaz de mandar dentro da pista. No minuto 12 Isi sumaba o seu hat-trick á súa marcadora para volver adiantar ao Lugo Sala, pero o Deportivo Guardo FS, deixoulle pouco tempo para celebralo e poñía o 3-3. Uns últimos minutos onde o Lugo Sala estivo mellor, e tras un gol en propia do conxunto visitante e o cuarto gol de Isi, deixaba un resultado ao descanso de 5-3.

Tras o paso por vestiarios a igualdade aínda foi máis notoria. Os dous equipos saíron con máis intensidade defensiva, dificultando as opcións de gol. Un Lugo Sala que non se atopaba do todo incómodo, xa que no marcador ían mandando eles e tiñan esa pequena vantaxe que lles relaxaba. Primeiros minutos sen goles, pero no minuto 29, o Deportivo Guardo FS poñía o 5-4 no electrónico.

Nos últimos minutos do encontro o Deportivo Guardo FS saíu de 5 para tentar polo menos empatar o partido, pero a gran defensa do Lugo Sala deixoulles sen opcións. Finalmente, os pupilos de Fermín Hidalgo facíanse coa ansiada vitoria e sumaban os tres primeiros puntos do ano.

Aínda así, o Lugo Salga cometeu moitos erros defensivos que desencadearon en gol. Polo que seguirán traballando duro toda a semana para viaxar a Salamanca na próxima xornada.

Resultados da 2ª División B

 

FICHA TÉCNICA

Lugo Sala 5: Aarón, Javi, Miguel Muñoz, Pansi, Isi – tamén xogaron – Vila, Yerai, Jose Segura, Pablito, Brunito, Yago T., Rubén S., Mitxel e Pedro.

Deportivo Guardo FS 3: Henrique Deon, Felipe, Alberto, Adrián, Henrique – tamén xogaron – Moises, Diego, Fabio Manuel, Leonel, Héctor, David e Mario.

Goles: 0-1 Alberto (1′), 1-1 Isi (1′), 2-1 Isi (4′), 2-2 Leonel (8′), 3-2 Isi (12′), 3-3 Fabio (13′), 4-3 Fabio (P.p) (16′), 5-3 Isi (19′), 5-4 Leonel (29′).

Árbitros: Marcos Noya Pardo, Pablo Enrique Guntín Garrido, Nicolás Vázquez Jato.

Incidencias: Xornada 18 da 2ª División B.