O Lugo Sala volve sorrir e álzase coa vitoria no derbi ante o Ribeira FS (3-1)

O Lugo Sala recibía no Municipal de Lugo un novo derbi lucense, nesta ocasión un tanto máis especial, xa que o rival era o recentemente ascendido á Segunda División B, o Ribeira FS.

Os dous equipos da capital lucense enfrontábanse coa intención de facerse coa vitoria e sumar tres puntos moi importantes. Os de Christian Costoya, algo máis necesitados de puntos, loitaron durante os 40 minutos e conseguiron impoñerse no derbi cun resultado final de 3-1.

A primeira metade arrancaba cunha gran intensidade por parte de ambos os conxuntos. Os primeiros minutos foron moi bos para o Lugo Sala, que se mostraba cómodo sobre a pista e xeraba boas chegadas á portería rival. O Ribeira FS tampouco baixaba o ritmo e, tras os primeiros catro minutos de xogo, dispoñía da ocasión para adiantarse no marcador, pero sen eficacia. Porén, foi o Lugo Sala quen golpeou primeiro. Mitxel, tras unha asistencia de Brunito, encargábase de inaugurar o marcador co 1-0.

A partir de aí, o Ribeira FS intentou reaccionar para non perderlle a cara ao encontro, pero o Lugo Sala estaba moi metido no partido e non daba ningún balón por perdido. O conxunto visitante gozou de varias ocasións claras ao superar o ecuador da primeira metade, pero non foi quen de transformalas en gol.

Os de Christian Costoya seguían demostrando nestes primeiros 20 minutos que, malia non ter comezado a tempada da mellor maneira, son capaces de ofrecer moito máis. Así, na recta final da primeira metade, Javito encargábase de ampliar a vantaxe co 2-0, permitindo ao Lugo Sala marchar aos vestiarios cunha pequena renda de dous goles.

Tras o paso polos vestiarios, o Lugo Sala seguía dominando sobre o parqué. Os primeiros minutos da segunda metade deixaron varias ocasións para o conxunto local, pero o Ribeira FS soubo frear os seus ataques para evitar que aumentasen as diferenzas no marcador. Co paso dos minutos, a dinámica do encontro mantíñase moi similar: o Lugo Sala seguía xerando perigo en ataque, aínda que sen conseguir transformar as ocasións en gol, mentres que o Ribeira FS non baixaba os brazos e continuaba intentándoo.

Os últimos minutos do encontro estiveron marcados pola tensión. O conxunto local vía cada vez máis preto a posibilidade de sumar os tres puntos, mentres que os visitantes comezaban a acusar os nervios ao non conseguir un gol que lles permitise meterse de cheo no partido e loitar, polo menos, por rescatar un punto.

A falta de tres minutos para o final, o Ribeira FS optou polo xogo de cinco. Unha aposta que lle permitiu recortar distancias e colocar o 2-1 no marcador cando restaban dous minutos e medio para o remate do encontro, engadindo emoción aos instantes finais e complicándolle as cousas a un Lugo Sala que xa rozaba a vitoria.

Porén, os de Christian Costoya non perderon a concentración nin baixaron os brazos. Tras unha boa acción defensiva e a recuperación do balón, Miguel Muñoz encargouse de sentenciar o encontro co definitivo 3-1, certificando unha importante vitoria para un Lugo Sala que volvía sorrir diante da súa afección.

 

Resultados da Segunda División B

 

Ficha Técnica

ADC Lugo Sala 3: Yerai, Longo, Pablito, Miguel Muñoz e Pansi – tamén xogaron – Koke, Javi, Mitxel, Brunito, Sanfiz, Álex Diz, Javito e Mera.

Ribeira FS 1: Ignacio, Daniel, Nahuel, Fabián, Pablo – tamén xogaron – Juan, Sergio, Juan, Saúl, Stiven, Antónm Christian, Mael e Gabriel.

Goles: 1-0 Mitxel (7′), 2-0 Javito (17′), 2-1 Mael (38′), 3-1 Miguel Muñoz (39′).

Árbitros: Adrián Bujan Barciela, Olivier Cardero Rodríguez e Carla Barciela Ruade.

Incidencia: Xornada 8 da Segunda División B.