VOLTAREMOS (3-2)
A Ciutat Esportiva Joan Gamper viviu este sábado unha noite intensa de fútbol sala, cargada de emocións e dramatismo. O Barça Atlètic logrou remontar e vencer por 3-2 a un combativo Lugo Sala, que con esta derrota certificou de forma matemática o seu descenso á Segunda División B. Unha tarde de contrastes, na que a alegría dos locais tinguiuse de respecto ante a dor dun rival que caeu pelexando ata o final.
Tras un primeiro tempo sen goles na que os de Guillermo Martínez gozaron de ocasións, ambos equipos mediron as súas forzas con respecto e tensión. A segunda parte arrincou cun envorco inesperado. Lugo Sala, consciente do que había en xogo, golpeou primeiro: Iván Gemes adiantou aos galegos no minuto 22 cun golazo tras un bo disparo lateral.
O golpe espertou ao Barça Atlètic, que reaccionou de inmediato. Jordi Sánchez igualou a contenda apenas catro minutos máis tarde, e en apenas uns instantes, o conxunto azulgrana cambiou o rumbo do partido. Albert Ortas puxo o 2-1 no 29’ e, en plena avalancha local, Pol Cano ampliou a vantaxe no 37’.
Lugo Sala non baixou os brazos. Adri Blat, cun tanto no minuto 40’, devolveu algo de esperanza ao seu equipo, que pelexou os últimos segundos co corazón na man. Pero non foi suficiente.
O asubío final foi un golpe seco para os lucenses. O descenso xa é un feito, e a tristeza apropiouse dun equipo que, pese ao desenlace, deixouse a alma na pista. Mentres o Barça Atlètic festexaba o seu triunfo, no outro lado, o Lugo Sala demostraba que a dignidade tamén é parte do deporte.
Unha noite que lembrou que no fútbol sala, como na vida e no deporte, o éxito e o fracaso poden ir da man… pero sempre coa cabeza alta.
VOLTAREMOS.
Resultados da Xornada de Segunda División
Ficha do partido:
Barça Atlètic 3: Pau López, Albert Ortas, Oriol López, Nicolás Marron e Aniol Vendrell – cinco inicial – Gerard Cano, Unai Izquierdo, Sergi Viedma, Pol Cano, Pau Boladeras, Jordi Sánchez e Adrià Sánchez.
Lugo Sala 2: Raúl Sánchez, Iván Gemes, Saúl González, Dani Pineda e Porto – cinco inicial – Álvaro, Luis Longo, Brunito, Miguel, Diego Núñez, Alex Diz, Adri Blat e Willy May.
Goles: Iván Gemes 0-1 min.22, Jordi Sánchez 1-1 min.26, Albert Ortas 2-1 min.29, Pol Cano 3-1 min.37, Adri Blat 3-2 min.40.
Árbitros: Rafael Olmos Sáez, José Antonio Raya Serrano, David Mingueza Álvarez de la Campa e Silvia Serrano Sánchez (cronometradora).
Incidencias: Xornada 28 da Segunda División Masculina de Fútbol Sala, desputada na Ciutat Esportiva Pabellón Futsal (Sant Joan Despí).