As imaxes: a canteira do club viviu o seu gran día nunha nova tempada de crecemento
Unha tempada máis, e tras cumprir neste 2024 os seus primeiros 10 anos de historia, o proxecto da ADC Lugo Sala segue en marcha. E crecendo. O pasado domingo 24 de novembro a Escola viviu o seu gran día, no que o club presentou aos seus 21 equipos das categorías inferiores e no que o respaldo social, empresarial e institucional, segue marcando o paso firme para que a entidade presidida por Marcos Pereira sega a súa estratexia marcada.
E é que o proxecto deportivo de Lugo Sala sufriu un bo empuxón co ascenso conseguido polo primeiro equipo o pasado mes de xuño á 2ª división do fútbol sala español e que sen dúbida é o fiel reflexo onde se miran os deportistas que practican fútbol sala da nosa cidade.
Como sempre o Palacio Municipal dos Deportes de Lugo converteuse nunha nova ocasión no escenario perfecto para ver desfilar aos máis de 230 deportistas cos que conta o club para esta campaña 24-25. As autoridades, representantes das empresas patrocinadoras e Directivos do club desde a pista, e todos os familiares desde a bancada, gozaron cos grandes protagonistas do día como eran todos e cada un dos xogadores e xogadoras xunto cos seus técnicos. E é que os adestradores e persoal do club, que este ano chegan á cifra de 20 traballadores, son unha das partes fundamentais do traballo diario da entidade.
Gran representación
A Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, o Concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, o Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo e Responsable da área de Deportes, Efrén Castro, a Vicepresidenta no Parlamento de Galicia, Elena Candia, o membro do grupo Municipal do PP no Concello de Lugo, Javier Vázquez, así como o secretario xeral do PP en Lugo, Javier Vázquez Nodal, non se quixeron perder o acto de presentación, quedando patente así o apoio mostrado por todas as institucións ao proxecto do club e quenes desexaron que o mesmo siga crecendo e traballando desta maneira por e para a xente de Lugo.
Pola súa banda o Presidente do club, Marcos Pereira, agradeceu a todas as institucións o paso dado á fronte para esta tempada para apoiar definitivamente o proxecto, tal e como se pedía desde a entidade hai un ano, e que se ve reflectido no máximo expoñente do primeiro equipo que co seu ascenso á 2ª división leva o nome de Lugo e a súa provincia por todo o territorio español. Ademais agradeceu o esforzo que todas as empresas privadas, que este ano son mais, fan polo club para que este proxecto sea viable así como a todas as familias por confiar en Lugo Sala para a formación dos seus nenos e nenas.
O acto pechouse como xa é tradición con todas as fotos de plantel oficiais da tempada e coa gran foto de familia nas bancadas do Palacio Municipal.