Christian Costoya asume o mando do primeiro equipo para a próxima tempada

Christian Costoya será o novo adestrador do primeiro equipo tras unha extensa e sólida traxectoria dentro do club.

O técnico lucense leva 11 anos vinculado á entidade, nos que pasou por todas as categorías formativas da escola, desde biberón ata xuvenil. Nesta última tempada, dirixiu ao equipo de Xuvenil División de Honra, conseguindo a permanencia na categoría na última xornada da competición.

Ademais, Costoya conta tamén con experiencia no fútbol senior. Dirixiu durante sete tempadas ao Rábade FS, competindo en Preferente e Terceira División, nunha etapa na que adquiriu unha ampla bagaxe no fútbol senior. En 2023 foi campión da Preferente Norte, o que lle supuxo o nomeamento como adestrador destacado.

Agora, o club aposta pola súa figura para liderar o primeiro equipo, confiando no seu coñecemento da entidade, no seu traballo formativo e na súa experiencia.

Costoya afronta así un novo reto á fronte do primeiro equipo, nunha etapa que supón un paso adiante na súa carreira como adestrador dentro do club.