O IX Torneo de Nadal reunirá de novo en Lugo a 77 equipos
O vindeiro luns 30 de novembor levarase a cabo a presentación oficial do torneo coas institucións, no Pazo de Feiras e Congresos ás 12:15h.
A cidade de Lugo volve, con motivo das datas do Nadal como cada ano a ser unha das referencias a nivel local, provincial, autonómico e nacional do fútbol sala. Desde Lugo Sala organizaremos a IX edición do noso Torneo de Nadal, que reunirá a máis dun milleiro de xogadores e xogadoras que participarán durante os cinco días de competición.
Como cada ano haberá unha fase previa, a autonómica con 45 equipos, que se levará a cabo entre o 26 e 27 de decembro, a segunda fase, de ámbito nacional, celebrarase o 2, 3 e 4 dando comezo ao ano 2027, e no que participarán 32 equipos.
Nesta nova edición as categorías da fase autonómica serán as mesmas: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. E na fase nacional: benxamín, alevín, infantil e cadete.
Como cada ano, este torneo de Nadal reunirá as mellores canteiras do fútbol sala galego e nacional. Xa confirmaron a súa asistencia clubs como: O Parrulo Ferrol, Pecheches FS, Esteo As Pontes, Troula Betanzos, Valladolid Tierno Galván, Moprisala Toledo, Lago Sport, ACD Piringalla, FSF Castro, entre outros… . Tamén contaremos co Porto FC, ademais dos nosos equipos da canteira.
A magnitude do torneo fará que se volvan mobilizar cinco instalacións deportivas da cidade. Nesta ocasión contaremos con: Pazo Municipal dos Deportes de Lugo, Casa do Deporte, Pavillón O Palomar, Pavillón Daniel Cordido e Pavillón Somos Fútbol.
Seguimento en liña
Este ano hai unha novidade, xa que todos os calendarios previos á disputa do torneo, así como durante o transcurso do mesmo, resultados e clasificación, poderanse consultar a través da web PiSportDesk a partir do 23 de decembro.
Ademáis, todas as finais de cada categoría, tanto da fase autonómica como as da nacional, emitiranse en directo nas datas e horarios programados.
Apoio institucional e empresarial
Este torneo significa moito para a cidade de Lugo debido á gran cantidade de participantes que move, e por iso, como en cada edición, contarase co apoio incondicional das institucións e do mundo empresarial.
A Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e o Concello de Lugo apoiarán desde diferentes ámbitos a celebración deste torneo tan importante a nivel nacional.


