O Lugo Sala deixa escapar a vitoria nos últimos minutos ante o Atlético Benavente (3-3)
O Municipal de Lugo acollía unha nova xornada da Segunda División B. Tras a dura derrota sufrida a domicilio na última xornada, o Lugo Sala recibía ao Atlético Benavente coa ilusión e a esperanza de sumar os tres puntos. Ademais, tratábase dunha cita especial para o club, xa que coincidía coa presentación oficial das categorías inferiores.
Finalmente, a pesar do bo traballo realizado polo conxunto lucense durante os 40 minutos de encontro, non foi suficiente para conseguir a vitoria. O Lugo Sala tivo que conformarse cun empate (3-3).
O encontro arrancaba cun Lugo Sala moi concentrado, o que lle permitiu adiantarse no marcador nos primeiros compases do partido. Nunha xogada na que un descoido defensivo do Benavente e un bo pase de Miguel Muñoz a Pansi acabaron converténdose no primeiro tanto da tarde (1-0).
O plan de partido do conxunto local estaba a dificultar os ataques do equipo visitante, que non conseguía construír as súas xogadas con facilidade nin atopar o camiño cara á portería lucense.
Co paso dos minutos, os pupilos de Christian Costoya fóronse facendo co control do ritmo do encontro. As ganas de levarse a vitoria quedaban reflectidas en cada acción, tanto en ataque como en defensa.
Porén, a falta de oito minutos para chegar ao descanso, o Benavente aproveitou unha das súas ocasións para devolver a igualdade ao marcador. Un disparo do xogador visitante que acabou no escuadro, ante o que Yerai nada puido facer, establecía o 1-1.
A pesar de que ambos os conxuntos seguiron buscando adiantarse de novo no marcador, o empate sería o resultado ao remate da primeira metade. con todo por decidirse na segunda metade.
Tras o paso polos vestiarios, a dinámica do encontro continuaba sendo moi similar. Os nervios comezaban a facerse notar, ante as ganas de conseguir un gol que permitise ao Lugo Sala recuperar a vantaxe no marcador. Os primeiros minutos da segunda metade estiveron marcados por un ritmo moi acelerado por parte de ambos os conxuntos. Porén, apenas tres minutos despois da reanudación, chegaría o segundo tanto do equipo lucense. Desta vez sería Miguel Muñoz o encargado de adiantar de novo aos seus (2-1).
Poucos minutos máis tarde, o Benavente, que non baixaba os brazos, conseguía igualar novamente o marcador (2-2), complicándolle as cousas ao conxunto local.
Os minutos pasaban e a tensión ía en aumento. Mais, cando faltaban seis minutos para o final, apareceu Brunito para aproveitar unha acción a balón parado e volver poñer por diante ao Lugo Sala (3-2). Cando parecía que o encontro podía quedar encamiñado, o Atlético Benavente volveu demostrar que non se rendería ata o último momento e conseguiu establecer o definitivo 3-3 a falta de dous minutos para o remate.
Finalmente, o encontro concluíu co empate a tres goles, polo que ambos os equipos sumaron un punto.
Unha xornada especial para o Lugo Sala, non só pola presentación das categorías inferiores do club, senón tamén polo regreso de Álex Diz ás pistas tras unha longa lesión. Unha mágoa que, nun día tan sinalado para a entidade lucense, o resultado non fose unha vitoria. Agora, os pupilos de Christian Costoya continuarán traballando coa mirada posta na próxima xornada, na que viaxarán a Xove coa intención de loitar polos tres puntos.
Resultados da Segunda División B
Ficha Técnica
ADC Lugo Sala 3: Yerai, Luis Longo, Brunito, Miguel Muñoz e Pansi – tamén xogaron – Koke, Javi García, Pablito, Mitxel, Sanfiz, Álex Diz e Javito.
Atlético Benavente 3: Daniel, Álvaro, Aitor, Rodrigo, Ángel – tamén xogaron – Raúl, Álvaro Pinto, Jesús, Juan Luis, Willy May, Pablo e Sergio.
Goles: 1-0 Pansi (1′), 1-1 Aitor (12′), 2-1 Miguel Muñoz (24′), 2-2 Juan Luis (25′), 3-2 Brunito (34′), 3-3 Aitor (38′).
Árbitros: Miguel Jesús Rodríguez Pontanilla, Sergio López Riveiros e Andrea De Luis Iglesia.
Incidencia: Xornada 10 da Segunda División B.




