O Lugo Sala cede ante un sólido Entrerríos nun día especial para o club (1-4)

O Lugo Sala non puido sumar en casa fronte a un Entrerríos Zaragoza que levou a vitoria por 1-4, nun partido disputado e de alta intensidade, correspondente á décima xornada de Segunda División. A pesar do resultado, a xornada foi especial para o club, marcada pola presentación da Escola Lugo Sala acompañada dun gran ambiente, un proxecto que reflicte o compromiso coa formación e a paixón polo fútbol sala da nosa cidade. Dende o club, agradécese a presenza e o apoio das institucións e autoridades locais, cuxa confianza resulta clave para o desenvolvemento deste gran proxecto.

Lugo Sala comezou con forza, demostrando unha vez máis que o Municipal é unha pista difícil para calquera rival. Froito desa intensidade inicial, o Lugo Sala adiantouse no marcador no minuto 7 cun gol de Brunito tras unha brillante acción de estratexia. Con todo, o Entrerríos Zaragoza, logrou empatar pouco despois grazas a unha xogada individual de Manu Franco.

A pesar dos intentos dos lucenses por recuperar a vantaxe, os visitantes foron crecendo no partido. No tramo final da primeira parte, Juan Muniesa adiantou ao conxunto aragonés cun disparo axustado, deixando o marcador 1-2 ao descanso.

Na segunda metade, o Lugo Sala non baixou os brazos, pero o acerto nas transicións ofensivas do Entrerríos Zaragoza marcou a diferenza. Iván Romero ampliou a vantaxe visitante no minuto 25 e, aínda que os lucenses buscaron a reacción xogando con porteiro-xogador nos últimos minutos, Fran Tabuenca sentenciou o encontro co 1-4 definitivo no minuto 36.

A próxima xornada Lugo Sala enfrontarase na xornada 11 fóra de casa ao Family Cash Alzira FS, equipo situado como sétimo clasificado na táboa da categoría.

Dende o club, queremos agradecer a todos os que fixeron posible este día tan especial, no que presentamos unha tempada máis a Escola Lugo Sala, un proxecto que é xa unha realidade grazas ao respaldo das autoridades, institucións e patrocinadores.

 

Resultados da xornada de Segunda División

 

FICHA TÉCNICA:

Lugo Sala 1: Álvaro, Iago Rodríguez, Brunito, Miguel e Diego Nuñez – cinco inicial – Nico, Saúl, Jose López, Javi e Porto.

Entrerríos Zaragoza 4: Juan Molina, Fran Tabuenca, Juan Muniesa, Jorge Tabuenca e Shunta Uchida – cinco inicial – Marcos Forga, Manu Franco, Kike Liao e Iván Romero.

Goles: 1-0, Brunito (m.7); 1-1, Manu Franco (m.12); 1-2, Juan Muniesa (m.18); 1-3, Iván Romero (m.25); 1-4, Fran Tabuenca (m.36).

Árbitros: Gael García (Asturias) e Víctor Toca (Cantabria)

Incidencias: Partido correspondente á décima Xornada da Segunda División de Fútbol Sala Masculina – Encontro celebrado no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo.