O Lugo Sala condenado tras unha mala primeira parte ante o Stellae Leis Pontevedra FS (6-3)
O Lugo Sala viaxaba ata Pontevedra para verse en duelo ante o actual líder da Segunda División B en solitario, o Leis Pontevedra. Un encontro no que buscaban sumar novamente de 3, para seguir coa boa dinámica do equipo. Sabían que non sería fácil, e que para conseguilo habería que xogar con carácter durante os 40 minutos do encontro. Pero non foi así, e unha mala primeira parte do conxunto que dirixe Fermín Hidalgo, sentenciábaos a caer por 6 a 3.
Comezaba o encontro no Municipal de Deportes de Pontevedra, cuns primeiros minutos igualados e con opcións de marcar para ambos os conxuntos. Algunha opción máis clara para o Leis Pontevedra, pero que terminaban con bos axustes defensivos do Lugo Sala. Non foi ata o minuto 12 cando o conxunto local foi capaz de abrir o marcador para colocar o 1-0. A diferenza ía empezar a crecer, e é que na seguinte xogada, tras un mal entendemento defensivo entre Javi e Pablito, o Leis Pontevedra lograba poñer o 2-0.
Ao Lugo Sala estábanselle empezando a complicar as cousas. Non estaban cómodos na pista, e os nervios empezábanlles a pasar factura. Así ía chegar o terceiro gol dos locais. A pesar de ter a opción de chegar ao descanso cun 3-1, Yago Tenreiro non foi capaz de introducir o balón entre os tres paus tras lanzar un dobre penalti. Finalmente, chegaban ao descanso co marcador 3-0 e cun Lugo Sala inferior que os locais.
Tras o paso por vestiarios, o Lugo Sala necesitaba dar un golpe na mesa se quería tentar pelexar o encontro. Pero a situación non melloraba, e é que nada máis arrincar a segunda metade do encontro, o Leis Pontevedra poñía o 4-0 no marcador, complicándolles máis as cousas a un Lugo Salga que non lograba reaccionar. Poucos minutos máis tarde, tras a expulsión de Yago Tenreiro por dobre amarela, chegaba o quinto gol dos locais. Jose Segura conseguía abrir o marcador para o Lugo Salga poñendo así o 5-1, no minuto 26 de encontro. Un partido tenso por parte de ambos os conxuntos, que deixaba outra expulsión, esta vez por parte do Leis Pontevedra, e que aproveitaba o conxunto lucense para colocar o 5-2, novamente da man de Jose Segura.
O Lugo Sala comezaba a sacar o carácter, e a falta de dous minutos para chegar ao final do encontro, Pablito, conseguía poñer o 5-3. A pesar de pelexar toda a segunda metade, para tentar polo menos buscar o empate, non foi suficiente. E tras unha perda a falta dun minuto para o final xogando de 5, o Leis Pontevedra poñía o 6 a 3, cun tiro desde o seu propio campo, que sería o resultado final do partido.
Toca seguir traballando e pensar xa no próximo encontro no Municipal de Lugo ante o Albense, que tamén será importante pelexar polos 3 puntos.

Resultados da Segunda División B
FICHA TÉCNICA
Stellae Leis Pontevedra 6: Daniel Pérez, Yeray, Said, Daniel Álvarez, Mosaab – tamén xogaron – Alejandro, Sambuel, Aicardo, Cley, Arturo, Iván, Iker.
Lugo Sala 3: Aarón, Jose, Pablito, Miguel Muñoz, Isi – tamén xogaron – Yerai, Javi, Brunito, Yago T. , Rubén S. , Mitxel e Pansi.
Goles: 1-0 Arturo (12′), 2-0 Cley (13′), 3-0 Jose (P.p)(18′), 4-0 Yeray (21′), 5-0 Aicardo (25′), 5-1 Jose (26′), 5-2 Jose (31′), 5-3 Pablito (38′), 6-3 Samuel (39′).
Árbitros: Andrés Pinilla Boullosa, Mayra Camila Araujo, Carla Barciela Ruade.
Incidencia: Xornada 20 da Segunda División B.



