O VII Torneo de Nadal reunirá en Lugo a 92 equipos e máis de mil deportistas

A cidade de Lugo converterase con motivo das datas do Nadal un ano máis nunha das referencias a nivel local, provincial, autonómico e nacional do fútbol sala. E é que desde Lugo Sala organizaremos unha nova edición do noso Torneo de Nadal e que reunirá a máis dun milleiro de xogadores e xogadoras participantes durante os cinco días de competición.

Como xa é tradición haberá unha fase previa, a autonómica con 60 equipos participantes, que se disputará o 27 e 28 de decembro, mentres que a segunda fase, a nacional, celebrarase o 2, 3 e 4 para estrear así o 2025 e no que participarán 32 equipos.

Nesta edición o torneo estará destinado, en ambas as fases, para cinco categorías: prebenjamín, benjamín, alevín, infantil e cadete.

O campionato, unha vez máis, reunirá a moitas das mellores canteiras do fútbol sala galego e nacional e así xa confirmaron a súa asistencia clubs como O Parrulo Ferrol, Valladolid Tierno Galván, Moprisala Toledo, Bueu FS, Pecheches FS, Hércules Coruña FS, e un longo etcétera, para así completar de novo un amplo cartel de equipos que chegarán de fóra da nosa cidade.

A magnitude do torneo fará que se volvan a mobilizar cinco instalacións deportivas da cidade e nesta ocasión celebrarase no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo, Casa do Deporte, Pavillón O Palomar, Pavillón Daniel Cordido e Pazo de Feiras e Congresos.

 

Seguimento en liña

Como xa ocorrera na edición pasada, todos os calendarios de partidos previos á disputa do torneo, así como durante o desenvolvemento do mesmo cos resultados e clasificacións nos días de competición, poderán consultarse a través da app COMPETIZE a partir do luns 23 de decembro.

Así mesmo, todas as finais de cada categoría, tanto as da fase autonómica como as da nacional, emitiranse en directo a través da canle de youtube de Lugo Sala nos días e horas programados.

 

Apoio institucional e empresarial

Como en anteriores edicións, desde a organización do Torneo contarase co apoio incondicional das institucións, e do mundo empresarial, e así tanto Xunta de Galicia, como Concello de Lugo e Deputación de Lugo apoian desde diferentes ámbitos a celebración deste importante torneo e que é importante para a cidade de Lugo nesas datas debido á gran cantidade de participantes que move e todos os seus familiares que acoden a desfrutar de este evento deportivo.