Victoria do Lugo Sala ante Benavente FS que sela a súa clasificación aos playoffs (6-2)
O Municipal de Lugo volvía vivir unha noite importante. O Lugo Sala tiña en xogo a clasificación matemática a playoffs a falta da última xornada da liga regular, e non había mellor xeito que facelo en casa diante da súa afección. Un encontro que xa se prevía complicado, e que lles custou arrincar ao conxunto lucense. Pero finalmente, os pupilos de Fermín Hidalgo lograban darlle a volta ao electrónico e facerse coa vitoria ante un Benavente FS, que se foi facendo pequeno co paso dos minutos.
Arrincaba o encontro, con dous conxuntos moi activos tanto ofensivamente como defensivamente. Isto ocasionoulles algunha oportunidade de gol, pero que non eran capaces de converter ningún dos equipos. O Lugo Sala un pouco peor nos minutos finais da primeira metade, xa que a defensa alta de Benavente FS, estaba a dificultar a saída desde atrás con balón. Co paso dos minutos, os nervios empezaron a aparecer, e o conxunto visitante aproveitouno nunha contra ben executada para abrir así o marcador e poñerse por diante. Este 0-1 sería o resultado final ao descanso, tras unha primeira metade na que o Lugo Sala non foi capaz de meterse de todo no partido.
Tras o paso por vestiarios o encontro deu un xiro. A pesar diso, a segunda metade arrincaba cun gol polo escuadro no minuto 27 para colocar o 0-2, pero se algo ten o Lugo Sala é que nunca se dá por vencido. Dous minutos máis tarde Yago T. abría o marcador local para metelos de novo en partido. A partir de aquí, os pupilos de Fermín Hidalgo lograban dar un golpe sobre a mesa e chegaría o empate (2-2) tras un gol de Brunito.
O Lugo Sala empezaba a sentirse máis cómodo na pista, coa calor da súa afección que empezaba a crer na remontada. A volta de Jose tras a súa saída coa selección, traía gol, e así no minuto 35 lograban poñerse por diante no marcador por primeira vez en todo o encontro. Brunito volvía aparecer para seguir alongando as distancias e colocaba así o 4-2. Sen dúbida as caras empezaron a cambiar, e xa estaban máis preto de cumprir o obxectivo. Xa na recta final do encontro, uníronse a esta festa Yerai, que tras un tiro de portería a portería poñería o 5-2. E despois Pedro para sentenciar o partido co 6-2, e asinar así o seu primeiro gol co primeiro equipo.
Finalmente, o Lugo Sala lograba sumar tres puntos e clasificarse así matematicamente para os playoffs a falta dunha xornada para finalizar a liga regular. Primeiro obxectivo conseguido, agora tócalles seguir traballando para ir a por o seguinte.

Resultados da Segunda División B
FICHA TÉCNICA
Lugo Sala 6: Yerai, Brunito, Yago T., Pansi e Isi – tamén xogaron – Aarón, Javi, Jose, Pablito, Miguel Muñoz, Rubén S., Mitxel e Pedro.
Benavente FS 2: Daniel, Aitor, Christian, Sergio e Juan Manuel – tamén xogaron – Raúl, Adrián, Víctor Manuel, Jose Javier, Pablo, Aaro Toivo Ensio, Carlos e Ángel.
Goles: 0-1 Carlos (16′), 0-2 Víctor Manuel (27′), 1-2 Yago T., (29′), 2-2 Brunito (31′), 3-2 Jose (35′), 4-2 Brunito (38′), 5-2 Yerai (39′), 6-2 Pedro (39′).
Árbitros: Álvaro Sobral Moreno, Jorge Otero Mira, María López López.
Incidencia: Xornada 29 da Segunda División B.



