Presentado o VII Torneo de Nadal que converterá a Lugo nunha das capitais do fútbol sala de base

A tan só dez días de que o balón comece a rodar, esta mañá foi presentado o VII Torneo de Nadal organizado pola ADC Lugo Sala e que unha vez máis converterá a cidade de Lugo nunha das capitais do fútbol sala durante as datas do Nadal. Entre as súas dúas fases serán máis de mil deportistas repartidos en 92 equipos os que se darán cita na cidade de Lugo para así coñecer aos campións de cada unha das categorías na que se disputará esta edición.

O salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolleu esta mañá a presentación na que se deron cita xunto ao Presidente do noso club, Marcos Pereira, o Concelleiro de Deportes e Xuventude do Concello de Lugo, Jorge Bustos, así como o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero.

Os máximos representantes do deporte lucense na cidade e provincia encomiaron unha vez máis o traballo desenvolvido ao longo destes dez anos polo club, o seu continuo crecemento e traballo coa canteira, e falando sobre este evento o que significará unha vez máis o poder abrir as portas da cidade de Lugo a máis dun milleiro de deportistas xunto con todos os seus familiares que os acompañarán, convertendo así á cidade nun destino deportivo e turístico para moitas familias coincidindo coa saída do 2024 e entrada do novo ano.

Pola súa banda Marcos Pereira agradeceu a colaboración das tres institucións como son Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo, por seguir apoiando este evento que ten detrás un enorme traballo de meses para unha vez máis poder organizalo, así como o apoio de diferentes empresas lucenses que se converten en patrocinadoras deste evento en particular.

 

Calendarios

A partir do próximo luns 23 de decembro poderanse coñecer a través da app COMPETIZE os calendarios de partidos tanto da fase autonómica do 27 e 28 de decembro como da fase nacional dos días 2, 3 e 4 de xaneiro do novo ano.

Desta maneira os clubs participantes, así como o público asistente, poderán coñecer todos os horarios e instalacións de xogo, e durante a celebración do torneo coñecer de forma inmediata todos os resultados.